Marcos Rodríguez Blanco

Marcos Rodriguez
Director do Galicia Pantín Classic
Pantín Classic: profesionalización dun evento deportivo

O impulso orixinario para o nacemento dunha proba de elite como Pantín, xurdiu hai 32 anos cando o surf, xa enraizado como deporte en Galicia, era unha pequena criatura en crecemento.

En Galicia o primeiro club de surf créase en novembro de 1987. Vicente Irisarri, Carlos  Bremón, Gonzalo Barro, Carmen Aguilar e Fernando Montalvo foron, entre outros, os que decidiron poñelo en marcha.

Coa idea de cubrir este baleiro, nacían case ao unísono o Océano Surf Club, a tenda  Aquasurf e o Pantín Classic. Este último cun gran reto: organizar un evento que se puidese equiparar aos que por aquel entón xa existían en Francia,  California, Australia ou  Hawai. Ondas non faltaban. O apelativo de Classic deixaba claras as intencións xa en 1988.

Por Pantín pasaron nalgunha etapa da súa traxectoria deportiva oito campións do mundo de surf: Tom  Curren, Mark  Ochiluppo,  C. J.  Hoodgood,  Damien  Hardman,  Sunny Garcia, Joel Parkinson, Gabriel Medina e Sofia  Mulanovich.

Tendo en conta que o surf profesional chega a España relativamente tarde, este dato pon en perspectiva a magnitude deste campionato. Na edición de 1999 o número de rexistrados na proba tocaba a cífra récord de 200 surfeiros – 56 deles australianos–. Ese mesmo ano 25.000 persoas foron testemuña do triunfo dun dos mellores surfeiros de todos os tempos: Joel Parkinson.

En 2000 celébrase en Pantín o primeiro  WQS feminino de España.

En 2008 o Club  Praia de Pantín toma as rendas como entidade organizadora e en 2009 o Pantín Classic é nomeado pola Xunta de Galicia mellor evento deportivo de Galicia. Xa en 2010 Pantín convértese, xunto con Azores, na única praia de Europa na que se celebran simultaneamente unha proba masculina e feminina  WQS 6 estrelas.

Na edición do ano 2019, a proba continúa coa súa evolución e alberga por primeira vez na súa historia unha proba  QS 10.000 en mozos e mozas, así como unha proba do CT de longboard.